Un total de 235 escolares de seis centros educativos participan esta semana na campaña promovida pola empresa Gestagua, e o Concello de Carballo para empezar a concienciar aos máis pequenos e pequenas sobre o perigo que supoñen axentes contaminantes para a auga e o medio ambiente.

A iniciativa deu comezo na xornada do luns aos colexios Gándara-Sofán e Bergantiños. A campaña vai dirixida ao alumnado de segundo curso de Primaria, e consiste nun concurso de debuxo co obxectivo de que os nenos e nenas plasmen nos seus debuxos a eses contaminantes, os “ruíns da auga”, a modo de monstros, para que saiban que cousas non poden tirarse polo inodoro porque contaminan a auga. Os nenos e nenas tamén contan coa axuda de dúas personaxes chamadas KO e OK, creadas especificamente para esta campaña, que servirán para que tomen conciencia da importancia que teñen para o medio ambiente as pequenas decisións cotiás.

Este martes será a quenda dos colexios Fogar, A Cristina, Nétoma-Razo e Artai. En cada centro elixiranse 12 finalistas, que participarán nunha excursión, e haberá un gañador ou gañadora que levará un premio especial.