Galicia contará no 2021 cunhas 40.000 hectáreas de superficie certificada de agricultura ecolóxica. Esta é a previsión da Consellería do Medio Rural e do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), tal e como se contempla no Plan estratéxico para este eido produtivo.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou un investimento total de 4,3 millóns de euros nos próximos anos para fomentar estas prácticas, consonte ás liñas marcadas polas instancias comunitarias, no sentido de impulsar unha agricultura sustentable tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, que garanta o seu futuro.

Ángeles Vázquez referiuse á importancia que ten esta evolución positiva do ecolóxico desde o punto de vista de xeración de riqueza e emprego no agro galego. A titular de Medio Rural sinalou ademais que Galicia destaca no ámbito gandeiro, sendo a primeira comunidade española en explotacións de leite ecolóxico e ocupa o segundo posto en produción de aves de curral para carne, así como tamén a segunda posición no eido apícola.

Todo isto, engadiu, levou á Consellería a poñer en marcha, da man do sector, o devandito Plan estratéxico que ademais de analizar e avaliar a situación actual e as perspectivas de futuro da agricultura ecolóxica en Galicia, deseña as liñas básicas de fomento e promoción desta actividade cara os vindeiros anos.