Unha delegación de preto de trinta representantes da Green Pilgrimage Interreg Europe, a rede europea de cidades e lugares sagrados de peregrinación que fomenta a sustentabilidade turística, participarán o mércores nunha xornada de estudo na que profesionais de Turismo de Galicia informará sobre o traballo levado a cabo na Comunidade ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago, no que se inclúen medidas a prol da sustentabilidade social, económica e ambiental ao redor da ruta xacobea.

Durante a súa estadía –que se estenderá do mércores ao venres- está previsto que coñezan sobre o terreo o Camiño de Santiago percorrendo algún dos seus tramos en territorio galego. Do mesmo xeito, coñecerán o modelo de xestión levado a cabo polo Xacobea na Rede Pública de Albergues do Camiño, coa visita ao albergue de Ribadiso, en Melide.

PROFESIONAIS DE TURISMO DE DIFERENTES ÁMBITOS ACADÉMICOS

A delegación da Green Pilgrimage Interreg Europe que visita Galicia está composta por profesionais de turismo e de diferentes ámbitos académicos integrados nesta rede internacional de países como Italia, Reino Unido, Suecia, Romanía ou Noruega. Entre outros, está prevista a presenza de representantes do Centro Nacional de Peregrinación de Noruega, do Instituto Nacional de Investigación de Turismo e Desenvolvemento de Romanía, da Rede Europea de Peregrinación Verde da Diocese de Canterbury.