Francisco Conde non resposta con claridade ás preguntas do deputado Antón Sánchez e bota balóns fóra dicindo que En Marea está en contra “de proxectos importantes para Galicia” vinculados ás centrais térmicas, aos parques eólicos, a Reganosa ou ENCE.

Nunha pregunta parlamentaria sobre o control ás actividades do sector extractivo, presentada no Pleno deste mércores, o vicevoceiro de En Marea e Coordinador Xeral de Anova expuxo que a nivel galego e por parte do actual Goberno da Xunta “hai unha sucesión de feitos, no último ano, que mostran ben ás claras a situación de falla de control sobre a actividade contaminante dentro de sector da minería”.

Así, destacou a actuación da Fiscalía contra a Xunta pola situación da mina de San Finx, a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola falta de transparencia no caso da mina de Corcoesto, as denuncia do Defensor del Pueblo pola pasividade da Administración galega coas canteiras de lousa e a situación derivada da antiga actividade mineira en Touro, o que traslada a unha realidade “onde as mineiras están contaminando e a Xunta non está a cumplir coa súa labor de protexer o medio ambiente e a saúde da poboación”.

Conde, pola súa banda, falou dunha emenda á totalidade á actividade mineira por parte de En Marea, nunha estratexia “de acoso e derribo” cando a Xunta limítase a aplicar a Lei, ao igual que a formación se mostra contraria a “proxectos importantes para Galicia” como os das centrais térmicas, os parques eólicos, e as actividades de empresas como Reganosa ou ENCE, que aproveitan “os nosos recursos autóctonos”.

“Fálame Vostede de aplicar a Lei. Os que que teñen que aplicar a Lei son vostedes. Si vostedes non actúan e non incoan expedientes sancionadores os que están facendo é deixar de aplicar esa Lei, Sr. Conselleiro, non confunda vostede” -replicou Sánchez-. “Mire, eu non lle fago unha emenda á totalidade á minería, non. O que quero, Sr. Conselleiro, é que non paguemos con diñeiro de todos o negocio duns poucos”.

“Sr. Conselleiro, vostede intentou desviar a atención, non contestou” -afirmou o deputado de En Marea -. “Fiscalía, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e Defensor del Pueblo falan de desleixo, de pasividade, falan de que non se incoaron expedientes sancionadores. O que vostede ten que explicar é si esto pasa pola súa incompetencia ou porque vostede está traballando polos intereses destas empresas” -sentenciou Antón Sánchez-.