A páxina web do concello inclúe un novo apartado con información sobre o proceso e unha enquisa aberta á participación cidadá.

Despois da xuntanza aberta que se celebrou en marzo, ata finais de abril ábrese unha nova canle para que a veciñanza poida realizar as súas achegas. Deste xeito, xa está dispoñible nesta páxina web, no apartado de Participación Veciñal, unha sección que inclúe información sobre o proceso e unha enquisa que poderán cubrir todas as persoas interesadas e a través da cal poderán non só expresar a súa opinión sobre a situación actual senón tamén as súas propostas de mellora do espazo público carballés.

As achegas da veciñanza serán engadidas ao documento final de Diagnóstico participado, e ademais recolleranse as propostas de actuación orientadas a resolver problemas de mobilidade identificados no diagnóstico.

En definitiva, trátase de dispoñer dun proxecto marco que, como resultado dese proceso de participación cidadá, permita establecer as medidas de intervención no espazo urbano, partindo das premisas de que as persoas sempre terán prioridade sobre os vehículos. “Empezamos a traballar dunha maneira un pouco intuitiva, vendo o que facían os demais e tratando de aprender desas experiencias previas, pero agora que xa temos as cousas máis claras queremos que Carballo teña o seu propio modelo de xestión do espazo público”, sinalou ao respecto esta semana a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, que fixo unha invitación á cidadanía a participar no proceso e a facer chegar as súas propostas a través das canles propostas para tal fin.