A octava edición deste ciclo de teatro, consolidado como un dos grandes referentes da programación cultural municipal, desenvolverase ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural desa localidade e constará de tres espectáculos.

A primeira función é Pan Pan!, que traerá a Paiosaco o día 13 de abril a compañía A Panadaría. Trátase dunha comedia con música en directo na que se parodian os westerns americanos. Vai dirixida a maiores de dez anos de idade.

O venres 20 de abril ofrécese D.E.P., unha comedia de morte a cargo da compañía Malasombra Producións. Xoque Carbajal, Jouse García e Patricia Rodríguez protagonizan este divertido espectáculo –dirixido a maiores de 18 anos- no que dous irmáns pretenden dar un empurronciño á súa nai para solucionar os seus problemas económicos coa herdanza.

O ciclo pecharase o 27 de abril con Sénior, espectáculo cómico –dirixido a maiores de 18 anos- a cargo dos coñecidos actores Luis Iglesia e Marcos Orsi, que se rin de si mesmos cun texto de creacióm propia sobre a crise dos 50, o momento no que se abandona a madurez para comezar a ser senior.

Todas as obras poranse en escena no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco a partir das 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta.