O espazo deseñouse para que os mozos e mozas que desexen pór en marcha negocios e ideas dispoñan non só de espazo e medios para o seu desenvolvemento senón tamén de asesoramento e formación desde o primeiro momento.

Cecilia Vázquez, actual responsable da área de Xuventude destacou a importancia deste espazo para converter á mocidade en motor e protagonista da dinamización económica de Carballo e a súa contorna. “Existe un firme compromiso do Goberno galego cos novos emprendedores, que non son só o noso capital de futuro senón tamén de presente”, afirmou. Para iso, a Xunta quere impulsar e apoiar o nacemento dos seus proxectos en pasos claves que condicionarán o seu futuro como a constitución das empresas, o acceso ao financiamento ou a mercadotecnia, pero tamén os acompañarán no seu desenvolvemento e crecemento a través dun seguimento continuado e de accións formativas adaptadas, así como de acompañamento individualizado a través de acciones de titorización, formación e coaching persoal.

A responsable animou aos mozos e mozas a participar nesta iniciativa, na que se poden inscribir xa desde este mes. “Con iniciativas como esta pretendemos establecer puntos de encontro, de coñecemento, de información e tamén de formación en habilidades co fin de fomentar as oportunidades de emprego da xente nova e enriquecer o seu liderado e itinerario persoal e profesional”, sostivo.

Ademais, ao longo do ano se organizarán encontros sectoriais para crear unha dinámica de diálogo e coñecemento entre a xuventude e os axentes económicos do territorio, en Galicia pero tamén no norte de Portugal. Así mesmo, estas relacións estableceranse coas empresas galegas e lusas co fin de reforzar o achegamento dos emprendedores novos á realidade do seus tecidos empresariais e que poidan valorizar os seus recursos e potencialidades.

Galicia contará cunha rede de Espazos Emprendedores, emprazados, ademais de en Carballo, en Curtis, Betanzos, Noia, Pontedeume, Ourense, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui e Vilagarcía de Arousa, aínda que esta rede alcanzará tamén o norte de Portugal a través da Oficina transfronteiriza de información xuvenil Galicia – Norte de Portugal sita en Verín e os centros de atención cos que conta o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude e a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas en Minho- Lima, Cádavo, Ave, Grande Porto, Támega e Alto Tras os Montes.

Os Espazos Emprende enmárcanse no proxecto LIDERA, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (acrónimo LIDERA), que forma parte da actividade Crece para impulsar o traballo xuvenil en rede. Este proxecto foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.