Os alcaldes da Laracha, José Manuel López Varela; Arteixo, Carlos Calvelo, e Carballo, Evencio Ferrero, mantiveron este na sala de xuntas da Laracha unha reunión de traballo na que analizaron diferentes cuestións que afectan aos tres municipios e para as que os rexedores consideran que se deben adoptar estratexias conxuntas co propósito de favorecer o seu desenvolvemento.

O alcalde anfitrión, José Manuel López Varela, avanzou que o “tema industrial” foi a cuestión principal das que se trataron na xuntanza, dado que o eixo Arteixo-A Laracha-Carballo é actualmente “a cabeza tractora da industria na provincia da Coruña polo que xa está implantado nos parques empresariais e polas novas iniciativas que están chegando”. Considera que para sacar o máximo partido ás posibilidades que ofrece na xeración de emprego e no desenvolvemento económico e social, os tres concellos deben traballar xuntos no estudo, análise, potenciación e busca de solucións en tres piares esenciais: a industria, a loxística e a formación.

Carlos Calvelo referiuse ao porto exterior de Punta Langosteira como o principal nexo de unión. O alcalde de Arteixo incidiu na necesidade da “creación dunha área loxística” que vincule aos tres municipios e que sexa unha oportunidade para dar resposta ás necesidades que presentará a curto prazo a citada infraestrutura de recente creación.

Evencio Ferrero defendeu que o eixo Arteixo-A Laracha-Carballo debe ser “o espazo loxístico do futuro” porque “os grandes investimentos públicos do porto exterior precisarán de grandes infraestruturas”.

ÁREA METROPOLITANA

Os alcaldes falaron tamén sobre a integración na área metropolitana da Coruña

Outra das cuestións tratadas na xuntanza foi a posible integración da Laracha e de Carballo na área metropolitana da Coruña. Para López Varela sería beneficiosa para a mobilidade de persoas e mercadorías e tamén pola suma de cidadáns que se aportaría ao conxunto de municipios que bordean a cidade da Coruña. Carlos Calvelo foi tallante afirmando que “Arteixo non estará nunha área metropolitana sen A Laracha e Carballo porque é clarísimo o seu potencial industrial”.

Os tres rexedores coincidiron en valorar de xeito moi positivo esta reunión e en destacar a sensibilidade coa que se analizaron os temas a tratar e o compromiso de traballar xuntos para atopar a mellor solución ás demandas e necesidades que se presenten.