A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro a partir deste mediodía en todo o litoral galego.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir do mediodía deste martes haberá mar combinada do oeste de 5 a 6 metros, que poden acadar os 6-7 metros en Fisterra.

As autoridades lembran a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como, diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

Aconséllase ademais consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.