A institución provincial vén de adxudicar por 302.179,34 euros as obras de mellora da seguridade no tramo da estrada provincial DP 2402.

O vial conta na actualidade cun ancho medio inferior aos cinco metros e beirarrúas unicamente nos primeiros 80 metros. As obras proxectan unha calzada de 6 metros de ancho e a construción de sendas peonís de 2,5 metros de ancho, separadas da estrada con rigola de formigón, o que contribuirá á mellora da seguridade tanto do tráfico rodado como dos peóns.

A ampliación da sección da estrada levará aparellada a dotación de novo firme con lastro artificial, mestura bituminosa en quente e rego de adherencia. Proxéctase tamén o retranqueo de postes e luminarias, a canalización soterrada da rede de alumeado público e dotación dunha nova rede de recollida de pluviais con canalizacións, novos pozos de rexistro e sumidoiros. O prazo de execución será de seis meses a partir do inicio das obras.