Seis empresas galegas participan dende este luns no mercado MIPTV de Cannes como parte da misión comercial que, un ano máis, impulsa a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) na meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos dixitais para televisión.

Nesta ocasión, os representantes de Adivina Producciones, CTV Televisión, Maruxiña Films, Pórtico de Comunicación, Treeline Distribution e Voz Audiovisual viaxan a Cannes para buscar socios e compradores internacionais tanto para os seus novos proxectos como para os produtos xa en fase comercial.

Como en anos anteriores, o punto de encontro desta misión institucional e empresarial é o espazo da marca Films from Galicia dentro do pavillón español, organizado polo Instituto de Comercio Español (ICEX) en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal.

Baixo esta mesma marca, dedicada á promoción internacional do audiovisual de produción galega, a Agadic está a distribuír a nova edición do seu catálogo de produtos cinematográficos e televisivos, que no apartado TV from Galicia recolle proxectos de series como Hierro (Portocabo) e As crisálidas (Matriuska Producciones) e formatos de entretemento como Historias mínimas (Tamboura Films) e O sal da terra, A vida é doce e Casamos! (Zenit Televisión).

O catálogo tamén ofrece información sobre series xa rematadas, na procura de vendas internacionais como a coprodución galego-catalá Os fillos do sol, Juana de Vega, vizcondesa do arado, Camiños de irmandade, Rosalía de Castro, Vidago Palace e Viradeira.

UNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

A do MIPTV en Cannes, que se celebra desde este luns e ata o 11 de abril, é unha das máis importantes citas internacionais do sector cara á produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos para televisión. O evento reúne cada ano uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 rexístranse como compradores. Este ano, o encontro amplía a súa oferta a través do festival Canneseries, dentro do que terá lugar o foro de coprodución In Development.