Segundo fontes da asociación, unhas corenta persoas déronse cita esta semana no Espazo da Natureza de Oza para inaugurar o evento, incluíndo representantes municipais de varios concellos, membros de Protección Civil de Carballo, diversa veciñanza na parroquia de Oza e mesmo integrantes da súa escola ambiental.

O acto foi presentado por José Manuel Menéndez, coordinador do proxecto e o historiador e membro de Senda Nova Evaristo Domínguez Rial, encargado ano tras ano de aportar o aspecto interpretativo de cada itinerario.

Os roteiros deseñados nesta edición buscan achegar aos participantes no patrimonio natural, cultural e paisaxístico das comarcas de Bergantiños, Soneira e Ordes. Corredoiras e beiras de ríos son as principais canles empregadas nos distintos roteiros.

O próximo 15 de abril, a “Primavera en ruta” dará comezo cun roteiro de dificultade media-baixa duns 21 km. denominada “O son do Anllóns”. O resto das marchas, así como os horarios e puntos de inscrición poden consultarse na web de Senda Nova.