O Programa Harmoniza inclúe tanto o servizo Madrugadores, que comezou a ofertarse coincidindo co inicio do actual curso escolar, como a aula lúdica municipal, que xa leva máis dunha década en funcionamento. En total, o Concello da Laracha estima que unhas duascentas persoas se benefician cada ano de ambos servizos.

Nos dous casos a programación é desenvolvida por persoal especializado baixo a coordinación do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, facendo fincapé durante as actividades na promoción da igualdade de oportunidades entre homes e muller, a prevención da violencia e a educación en corresponsabilidade.

Madrugadores conta actualmente con 35 usuarios e usuarias entre o alumnado do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha. O servizo préstase nas propias instalacións do centro nos días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio das clases ás 9:00 horas. Durante o próximo verán, o Concello da Laracha continuará ofertando Madrugadores no mesmo horario, pero trasladándoo ás instalacións da aula lúdica municipal.

Nese mesmo lugar –situado no edificio de servizos múltiples, en pleno centro da capital municipal da Laracha- todas as tardes en horario de 16:30 a 20:30 horas os pais e nais teñen a posibilidade de deixar aos seus fillos e fillas baixo o coidado e atención de persoal especializado. Actualmente a aula lúdica municipal conta con 106 usuarios e usuarias, cifra que aumenta cada verán ata os 160, cando o servizo pasa a prestarse polas mañás adaptándose ás vacacións nos centros de ensino. Tamén en períodos como o Nadal ou a Semana Santa, cando o servizo se presta tanto pola mañá como pola tarde, se rexistra un notable incremento no número de usuarios e usuarias.