O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegas e galegos retornados, que teñen por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu regreso á Comunidade Autónoma de Galicia ás familias que presentan máis dificultades para levalo a cabo.

Segundo establecen as propias bases da convocatoria, “estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos”.

As persoas que queiran acollerse a esta liña de axudas deben ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España. Igualmente, cómpre que non teña transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a da publicación desta resolución. Esíxese tamén que a persoa estea empadroada e teña residencia nun concello galego, careza de rendas ou ingresos suficientes, e non posúa bens mobles ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido na convocatoria. As solicitudes poden presentarse ata o 31 de agosto deste ano, incluído o propio día 31.