A edición carballesa do diario La Voz de Galicia confirma a información adiantada por terrasdoanllons.com este martes, cando segundo testemuñas presenciais axentes do Servizo de Protección da Natureza e Patrimonio da Garda Civil (SEPRONA) acudiron ao concello de Cabana a requerir certa documentación.

Segundo recolle hoxe o xornal, o titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción nº1 de Carballo ven de abrir dilixencias contra José Muiño e outras seis persoas por un presunto delito contra o Patrimonio, supostamente polo traslado irregular dun hórreo inmemorial a unha finca privada cando se levou a cabo a construción da nova praza da parroquia de Canduas. Este mércores, as sete persoas declararon en calidade de investigadas no cuartel da Garda Civil en Ponteceso.

Os feitos veñen do ano 2015, cando o Concello de Cabana acometeu a instalación dunha praza pública en Canduas na que se encontraban dous hórreos históricos. Un deles, situado a carón da iglesia da parroquia, retirouse súa zona de implantación e acabou amoreado na finca dun particular, sendo este o propietario do terreo sobre o que se edificou a nova praza.

Posteriormente, houbo unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio, ao entender esta que o Decreto 449/1973, do 22 de febreiro, outorga especial protección aos hórreos antigos como construcións históricas de especial relevancia, o que finalmente acabou no xulgado de Carballo, cuxo titular decidiu abrir dilixencias por un presunto delito contra o Patrimonio.

O ALCALDE DE CABANA GARDA SILENCIO

O alcalde, que onte acudiu ao cuartel da Garda Civil en Ponteceso acompañado dun avogado, negouse onte a facer declaracións sobre o caso. Próximamente, os sete investigados, entre os que se encontran a anterior secretaria e o arquitecto municipal, terán que facer declaración en sede xudicial.