A Cidade da Cultura de Galicia celebra este sábado, 24 de marzo, unha nova sesión de Nexos, na que a análise e a reflexión habitual no seus temas terán como protagonista, nesta ocasión, o estado actual do patrimonio galego, afondando nas ameazas e os retos para a súa conservación baixo o título “Confín dos verdes castros… O patrimonio e a identidade de nós”.

Para abordar este tema que sempre esperta un importante interese social e institucional contarase coa presenza de Felipe Criado-Boado, investigador do Centro Superior de Investigación Científica (CSIC) e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos.

Con este experto está previsto que se aborden cuestións actuais que lle afectan ao patrimonio, incidindo nos problemas que o están a ameazar como a construción indiscriminada, a expansión forestal, ou o espolio de bens culturais e arqueolóxicos a mans de tramas organizadas

Por outra parte, analizaranse os efectos que se están a rexistrar co maior esforzo en educación e divulgación, á hora de acadar unha maior implicación cidadá e un mellor aproveitamento turístico. E non faltará nesta sesión unha mención destacada ao auxe no activismo asociativo que evidencia unha crecente sensibilidade social na materia.

As entradas, a un prezo de 3 euros, están á venda tanto a través do Museo Centro Gaiás como en Ataquilla.com e na páxina da cidadedacultura.gal cóntase con máis información polo miúdo de todo o ciclo.