O CGAI acollerá dende este xoves e ata o mes de maio unha restrospectiva case integral do cineasta británico coñecido polo tratamento do poder político e dos seus axentes. O extenso ciclo componse de 32 pezas, algunha delas inédita, e todas remasterizadas en novas versións para este programa.

A actividade está organizada dende o Museo Reina Sofía co apoio do CGAI, no marco dun convenio de colaboración. En palabras do seu comisario, Chema González, Adam Curtis “obstínase dende comezos da década de 1990 en mostrar o funcionamento do poder, a súa sinuosa arquitectura, as ideas que o conforman, os seus axentes e institucións e a súa inscrición na xeopolítica contemporánea e en nós mesmos”, construíndo non só “unha das obras fílmicas máis apaixonantes, lúcidas e reveladoras dos tempos recentes, senón unha verdadeira historia natural do noso presente”.

O comezo de HyperNormalisation, co que se inicia o ciclo este xoves ás 19,00 h., contén unha reflexión do propio Curtis que en boa medida define esta constante na súa obra: “Vivimos nun tempo estraño. Non deixan de acontecer eventos imprevisibles que sacoden a estabilidade do noso mundo: atentados suicidas, vagas de refuxiados, Donald Trump, Vladimir Putin, mesmo o Brexit. Mais os que están ao mando semellan incapaces de afrontalos e ninguén ten unha visión dun futuro diferente ou mellor. Esta película narra a historia de como chegamos a este lugar estraño”.

O ciclo comeza este xoves no CGAI cunha sesión de balde e continúa despois co prezo habitual das proxeccións (1,20 euros). Os pases seguirán os días 23 e 28 de marzo, 13 e 27 de abril, e noutras datas do mes de maio.