O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e o alcalde de Compostela Martiño Noriega, acompañaron este mércores á Federación Down Galicia na conmemoración do Día mundial da Síndrome de Down, nun acto celebrado en Santiago e no que o titular autonómico fixo fincapé na importancia da inclusión real e efectiva destas persoas.

Durante a súa intervención, Rey Varela destacou que con esta celebración “buscamos dar visibilidade e aumentar a concienciación pública con respecto á Síndrome de Down”. “Estamos a falar de persoas que fan valiosas contribucións á nosa sociedade e das que temos moito que aprender”, engadiu o conselleiro. Nesta liña apuntou que desde o Goberno autonómico “loitamos pola eliminación de todo tipo de barreiras e apoiamos que, na nosa sociedade, cada un se diferencia polo que é e polo que fai, non pola súa aparencia ou polo seu cociente intelectual”.

O conselleiro de Política Social rematou a súa intervención felicitando aos premiados na VII edición dos premios Down Compostela e agradecendo o “encomiable labor que realiza Down Galicia en prol das persoas que precisan dos seus servizos e das familias destas”.

Cómpre destacar que Down Galicia desenvolve servizos de promoción da autonomía persoal das persoas con Síndrome de Down nas áreas de atención temperá, inclusión educativa, formación e emprego, vida adulta e independente e área transversal que conta con programas de apoio familiar, de comunicación e de sensibilización social entre outros.