A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, interviu esta semana no acto de graduación da XII Promoción de Master de Enxeñaría Ambiental impartido pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), poñendo de manifesto “o potencial de Galicia para o paso dunha economía lineal cara un modelo circular”, no que a reciclaxe e a non extracción de novos recursos sexa a clave a nivel do desenvolvimento sostible.

Segundo explicou, a formación dos recén graduados “proporcionará profesionais cun coñecemento multidisciplinar, e cun abano de coñecemento amplo en materia ambiental”, que os dotará “dunha gran versatilidade” co obxectivo común de “conservar o medio ambiente”, destacando o traballo que está a levar a cabo a Xunta “para poñer solucións aos grandes problemas ambientais da sociedade actual”.

CONTRASTE COA REALIDADE

Esta situación contrasta coa realidade tanto da Consellería de Medio Ambiente como da propia Xunta no seu apoio incondicional ao proxecto de Touro, que está a xerar un rexeitamento maioritario tanto entre moitos expertos como a sociedade galega no seu conxunto.

En referencia con isto, este sábado a Asociación Aldea Viva denunciu o apoio da Administración galega á Cámara Oficial Mineira como garante do proxecto de Touro, a través da xornada “Novidades da Lei 5/2017. Garantías de rehabilitación de espazos mineiros“, que a patronal mineira organiza o vindeiro martes en Compostela.

A asociación recordou ademáis que a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia pode supoñer “unha forma de barra libre” para o sector mineiro, ao apostar pola tramitación acelerada dos proxectos pasando por riba dos intereses veciñais da poboación afectada e medioambientais de cara á sociedade galega no seu conxunto.