O Presidente da Xunta visitou esta semana as instalacións da central térmica de As Pontes de García Rodríguez acompañado do presidente de Endesa Borja Prado, polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria Francisco Conde e polo actual alcalde de As Pontes e presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso.
Os representantes públicos visitaron a reforma das instalacións da central térmica, que para poder seguir en funcionamento terá que adaptarse forzosamente á nova normativa europea de emisións, reducindo as taxas de óxidos de xofre e nitróxeno e tamén de partículas emitidas á atmósfera, un proxecto que supoñerá un custo á compañía duns 220 millóns de euros.
Núñez Feijóo destacou “o compromiso da Xunta cunha industria enerxética eficiente, respectuosa co medio e na primeira liña do sector en España” e o presidente da deputación coruñesa, González Formoso, declarou en relación ao Presidente da Xunta que “os une o amor por esta terra”.

Todo isto sucedía na mesma semana na que a Oficina Española do Cambio Climático, entidade vinculada ao Ministerio do Medio Ambiente, situaba a Endesa como a empresa máis contaminante do Estado cun 10% das emisións contaminantes do total, equivalentes a uns 33 millóns de toneladas anuais de dióxido de carbono, principal gas xerador de efecto invernadoiro e factor clave na evolución do cambio climático.

Precisamente o pasado mércores, o xornal Estrella Digital desvelaba que “os altos niveis de contaminación de Endesa enténdense ao observar que o carbón e o gas natural son os grandes protagonistas do mix de produción eléctrica de Endesa, xunto coa enerxía nuclear“.
Neste sentido, a central térmica de As Pontes é o complexo que máis dióxido de carbono emite a nivel estatal, dado que o 40,2% da electricidade producida por esta compañía procede de centrais térmicas convencionais a base de carbón, mentres que os ciclos combinados de gas natural representan o 10,6% e tan só o 1,7% procede de fontes renovables.
