O evento celebrarase os días 4, 5, 6 e 7 de abril na vila coruñesa e que repartirá máis de 5.000 euros en premios.

Entre as webseries internacionais que se poderán ver no V Carballo Interplay hai propostas de Arxentina, Australia, Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza e Uruguai. A maioría das series son en español (19) e inglés (14), pero tamén se escoitarán historias en galego (3), albanés, árabe, danés ou italiano.

O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do mundo das webseries a nivel global. Como vén sendo habitual, o humor terá unha presenza maioritaria (22 das 42 webseries finalistas son comedias), pero tamén haberá oco para o drama e para o camiño do medio, a dramedia, para o documental e o falso documental e para o thriller, a ciencia ficción, o romance, o músical ou o xénero de terror.

As 42 webseries finalistas proxectaranse en seis bloques -tres internacionais e tres do Estado- nas tardes do xoves 5, do venres 6 e do sábado 7, no Auditorio da Casa de Cultura de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e gratuíta ata completar aforo.

REMATA O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE WEBSERIES EN GALEGO

Este sábado, día 18, remata o prazo para presentar propostas ao premio a proxectos de webserie en galego. Non hai ningún tipo de restrición de temática, de xénero ou de estilo, só deben ser creacións audiovisuais pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres). O galardón, neste caso ten unha dotación económica de 1.500 euros.