A Asociación Aldea Viva denuncia que a borrasca ‘Félix’ provocou un novo rebordamento na balsa mineira da corta de Bama, situada a uns 50 metros de elevación e a uns 100 metros de distancia do río Brandelos “provocando a formación de abundantes espumas e unha secrección leitosa que atravesa sen problemas as insólitas medidas correctoras propostas, consistentes nunha elemental barreira de xeotextil”.

Para a entidade, “esta situación volve a deixar en evidencia a ineficiencia das actuacións tanto dos responsables da Consellería de Medio Ambiente como da empresa pública de Augas de Galicia, organismos que en datas recentes foron advertidos pola Asociación Aldea Viva dunha situación semellante, que forma parte da grave problemática ambiental que atravesan as canles fluviais na zona de Touro pola falta de control sobre as antigas labores mineiras”.

Dende o colectivo apuntan que o tema sigue de actualidade pois “cómpre recordar que no mes de febreiro tanto En Marea como o PSdG respaldaron a actuación de Aldea Viva levando ao Parlamento galego os requerimentos da asociación e presentando sendas preguntas para a súa resposta oral no Pleno e nas Comisións 6ª e 2ª ante a situación de incumprimento permanente da lexislación autonómica e estatal e das directivas europeas 200/60/CE, 2006/21/CE e 2004/35/CE”.

De feito, para Aldea Viva “a situación actual que atravesan esta e outras balsas da mina de Touro é totalmente incompatible coa Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), establecida para deter o deterioro do estado das masas da auga en todo o ámbito da Unión Europea e conseguir un bo estado dos recursos hídricos”.

De igual maneira, tampouco é compatible coa Directiva Europea 2006/21/CE, sobre a xestión dos residuos das industrias extractivas, que esixe “establecer requisitos mínimos para previr ou reducir na medida do posible calquera efecto adverso sobre o medio ambiente e a saúde humana derivado da xestión de residuos das industrias extractivas”.

Ademáis, na mesma liña, a Directiva 2004/35/CE, sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais indica que “a falta de acción” sobre as paraxes contaminadas “pode acarrear un incremento da contaminación” e que “a perda de biodiversidade sexa aínda maior no futuro”.

AMPLIACIÓN DA DENUNCIA

Debido a este caso, a Asociación Aldea Viva ven de ampliar denuncia diante dos organismos competentes “para que leven a cabo as medidas que correspondan e procedan a subsanar esta grave problemática ambiental”.