A entidade considera que a “Xornada sobre a Lei de Implantación de iniciativas empresariais en Galicia e atracción de investimentos e xeración de emprego na Eurorrexión Norte de Portugal-Galicia”, que o venres 9 de marzo tivo a súa celebración na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela e que contou co apoio da propia Administración galega, plantexouse “para maior gloria do Conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde e algúns responsables do seu departamento”, no que supón “un novo intento de lexitimación das teses do PP, que aprobou esta norma en outubro de 2017 pola vía do rodete parlamentario, sen atender as demandas da oposición no seu conxunto e pese ao masivo rexeitamento social”.

Neste sentido, dende esta asociación ambiental valoran que “este tipo de iniciativas unicamente interesan ás patronais dos sectores eólico, mineiro e forestal, pero non así á sociedade en xeral, que durante a tramitación da Lei 5/2017 mantivo unha actitude de contestación permanente cara a esta nova lei imposta polo Partido Popular”.

De feito, para Salvemos Cabana, “a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia incide dunha forma nunca antes vista na desregulación a favor dos intereses corporativos e a desprotección do territorio supoñendo de facto unha oda ao neoliberalismo máis descarnado, ao simplificar a tramitación ambiental dos proxectos industriais e reducir significativamente os prazos de información pública, o que impide a correcta avaliación dos impactos causados por este tipo de iniciativas e o debate social pertinente sobre a súa conveniencia ou non para as comunidades afectadas e pode propiciar que proxectos eólicos tan cuestionados coma o de Mouriños en Cabana ou o Pena Forcada-Catasol II en Laxe salgan adiante pasando por riba da vontade da veciñanza”.

O colectivo indica que o propio texto da norma recoñece que persegue o obxectivo da axilización administrativa dentro dunha “planificación territorial definida”, o que pode chegar a supoñer “a conversión do territorio galego nunha sorte de gran parque industrial a costa doutros sectores económicos tradicionais como a agricultura e a gandería, que son indispensables no ámbito rural”.

Salvemos Cabana recorda, finalmente, que “no actual contexto de redución das normativas de protección da natureza e o territorio,  no que moitos informes ambientais saen adiante sen o rigor debido, e onde non se valoran outros parámetros que non sexan os de primar as contas de resultados das grandes empresas do sector enerxético e extractivo, esta lei terá consecuencias imprevisibles para o futuro e supoñerá unha nova volta de torca á actual situación de desastre técnico e pésima xestión que de maneira crónica sofre o medio ambiente en Galicia”.