O programa de dinamización da lectura Ler conta moito ofrece este ano 2018 un catálogo de 287 actividades entre as que as bibliotecas municipais da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia poderán escoller as accións que desexen desenvolver durante o ano.

O prazo de solicitude está aberto ata o 6 de abril (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180306/AnuncioG0164-230218-0002_gl.html) e unha vez que a axuda sexa concedida, as entidades beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para que as súas bibliotecas ou axencias de lectura públicas seleccionen as actividades de animación á lectura que van realizar polo importe concedido, no Catálogo Ler conta moito 2018, que a Secretaría Xeral de Cultura ten á súa disposición na páxina http://rbgalicia.xunta.gal. O período de programación de actividades remata o 30 de outubro de 2018.

As actividades son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca, actividades de dinamización con música, ata teatro e danza, exposicións ou itinerarios guiados, entre outras. Cada acción pode estar, ademais, dirixida a públicos específicos, como bebés de 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos ou colectivos con necesidades especiais.

PROGRAMA DE DINAMINACIÓN DA LECTURA

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nos centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración cos concellos. A Secretaría Xeral de Cultura financia o 75% dos custos das actividades programadas. As entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa cofinancian o 25% restante.