Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2013 coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas feridos ou en mal estado.

O animal de 110 centímetros de lonxitude e 28 quilos de peso, apareceu nas costas de Muxía o pasado 17 de febreiro e foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario do CEMMA, en Nigrán. Tras unha evolución favorable, os veterinarios do CEMMA autorizaron o comezo da segunda fase de recuperación no IGAFA.

Así, a cría de lobo mariño permanecerá entre tres e catro semanas nas instalacións do IGAFA, nun tanque exterior de gran tamaño. A manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle ao CEMMA, contando coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do centro. Ademais, aproveitarase a estadía da cría de lobo mariño para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños e a concienciación medioambiental.

Cabe lembrar que o IGAFA xa ten participado na recuperación doutros catro exemplares de crías de lobos mariños nos anos 2013, 2014, 2016 e 2017. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e de adquisición de coñecementos para o mantemento e a recuperación de mamíferos mariños.