O Grupo Parlamentario lamenta que a Xunta e a Universidade de Santiago “se dediquen a organizar eventos para garantir o negocio” das grandes empresas dos sectores mineiro, eléctrico e forestal.

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, denunciou a campaña impulsada polo Partido Popular “para tratar de vender os supostos beneficios da Lei de Depredación” indo unha vez máis dos grandes lobbies do sector extractivo “para conseguir negocio para esas empresas”.

Neste senso, a formación critica a realización da “Xornada sobre a Lei de implantación de iniciativas empresariais en Galicia e atracción de investimentos e xeración de emprego na Eurorrexión Norte de Portugal-Galicia”, celebrada este pasado venres la Facultade de Dereito da universidade compostelana, algo que para o grupo parlamentario de En Marea “non ten outro obxectivo que continuar a liña de garantir beneficios ás grandes empresas”.

Non se trata dunhas xornadas onde a Xunta e Universidade de Santiago de Compostela vaian falar para o interese xeral de Galicia senón que falarán unicamente para o beneficio das grandes empresas” asegurou o deputado de En Marea e tamén Coordinador Xeral de Anova Antón Sánchez. Por iso lamentou que “tanto o Goberno galego como a USC se dediquen a facer este tipo de eventos para cotos pechados de empresarios”.

De feito, para En Marea, “estamos ante un modelo que non traerá máis calidade, nin máis emprego, nin fixará máis poboación no rural pero sí moito máis negocio para as empresas ao reducir as garantías ambientais e de participación cidadá como xa se ten denunciado en multitude de ocasións”.