Asociacións da comarca de Bergantiños rexeitan o respaldo da Universidade de Santiago de Compostela á Lei 5/2017 coa organización dunha xornada divulgativa na Facultade de Dereito.

Así o manifestan as entidades ambientalistas Petón do Lobo, Cova Crea e Ouriol do Anllóns, que consideran que a xornada de difusión impartida este venres na Universidade de Santiago, relativa á Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e na que participa a propia Xunta, non ten outro obxectivo que o de “acicalar e lexitimar unha lei” que ata o de agora “só contribuiu ao espolio de Galicia”.

Por exemplo na Costa da Morte -sinalan os colectivos- a aplicación da norma contribúe “ao acaparamento de terras sen retorno social nos municipios nos que se aplica, á destrución da paisaxe, á fragmentación do territorio e da biodiversidade e á míngua dos ingresos derivados do sector turístico, á marxe do forte rexeitamento social que xenera”.

Petón do Lobo, Cova Crea e Ouriol do Anllóns critican “non só os fins espúreos que persegue a Lei, que non son outros que favorecer ao capital e ás grandes empresas en detrimento das comunidades onde se implantan os proxectos industriais”, senón que ao seu xuizo hai que ver “cómo a Xunta de Galicia despifarra fondos públicos dando publicidade e lavando a imaxe dunha lei espoliadora de recursos e do territorio e ingrata coa cidadanía de Galicia”.

Neste sentido os colectivos lembran que no caso dos proxectos eólicos de Gas Natural Fenosa en Cabana (Mouriños) e Laxe (Pena Forcada-Catasol II), a Lei de Depredación favorece a destrución dunhas comarcas de gran valor a nivel de paisaxe e de biodiversidade, sen ter en conta “a significación de lugares estratéxicos para o turismo e o patrimonio cultural dende o punto de vista dos acervos municipais de Cabana e Laxe coma o Monte Castelo, o mirador de Sinde, o Alto do Aplazadoiro ou a praia de Traba”.

Por iso, para estas asociacións, “é unha contradicción que “unha universidade do século XXI, plural e supostamente avanzada como a USC se preste a apoiar á Xunta de Galicia na difusión das falsas bondades” dunha lei que “a través da figura dos proxectos declarados de interés especial espolia en tempo record o territorio e míngua dereitos a prol das grandes empresas que precisamente participan na xornada”, en referencia aos clústeres do ranito, da pizarra, da madeira e a Asociación Eólica de Galicia, sen ter en conta en ningún momento ás entidades en defensa do territorio e a paisaxe, “que brillan pola súa ausencia” nas diversas mesas redondas da xornada plantexada pola USC.