A asociación considera que a masa forestal “mantén a súa agonía” entre as variedades de eucalipto “máis agresivas”, a carón da estrada que une as localidades de Carballo e Ordes.

“A un paso de Carballo -consideran-, a masa de bosque autóctono máis importante da bisbarra diríxese con paso firme, rápido e contínuo á súa desaparición” pois “as cortas de vexetación autóctona chegan á beira da canle do río Abellería”, que é o corazón que vertebra toda a masa forestal, aparecendo no seu lugar plantacións de eucaliptos nas súas variedades “máis agresivas” sen respectarse a distancia para plantar eucaliptos a carón das canles fluviais.

Para Senda Nova, esta situación favorece o espallamento dos lumes, dado que o lume aparece preferentemente nas zonas de vexetación invasora, unha situación diametralmente oposta á que sucede nas parcelas que manteñen vexetación autóctona, que apenas teñen problemas destacables.

Finalmente, o colectivo fai unha reflexión sobre os 12 anos de seguimento do estado bosque de Ribeira da Pena e “á regresión bestial” á que se someteu a Ribeira da Pena, un bioindicador  “do estado das masas autóctonas en Galicia e da proliferación do eucalipto” é “un bo exemplo de regresión dos espazos naturais”.