Os concellos de Carballo, Malpica e Ponteceso veñen de asinar un novo convenio de colaboración para a prestación conxunta do servizo.

O Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo atendeu o ano pasado a 269 mulleres, 79 delas de maneira continuada. Unha traballadora social, unha psicóloga e unha avogada son as encargadas de intentar dar resposta ás necesidades de información de carácter persoal, familiar ou laboral que poida ter calquera muller da zona. Os datos estatísticos revelan, sen embargo, que o perfil tipo da usuaria do CIM é unha muller de 25 a 54 anos, sen emprego e sen estudos ou con estudos básicos. Inmigración, discapacidade e violencia de xénero motivaron o ano pasado parte das consultas, pero as máis numerosas son por outros motivos.

O CIM ofrece servizo de asistencia psicolóxica por problemas familiares, adiccións, intervencións psicolóxicas ou mediación familiar. Así mesmo, presta asistencia xurídica para trámites de xustiza gratuíta, denuncias, separacións, sentenzas, dereitos laborais ou baixas e protección da maternidade e a paternidade. En ámbolos casos é preciso pedir cita previa o edificio do antigo ambulatorio ou chamando aos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460.

Así mesmo, o Centro de Información á Muller pon á disposición das usuarias unha serie de recursos sociais relacionados con casas de acollida, planificación familiar, adopcións, oposicións, emprego, bolsas de estudo, apoio á creación de asociacións de mulleres ou cursos, conferencias e xornadas de interese xeral.

Acadar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, así coma a plena incorporación da muller na vida social, cultural, económica e política son os principais obxectivos do CIM, compartidos polos concellos de Carballo, Malpica e Ponteceso, que veñen de asinar un novo convenio de colaboración para a prestación conxunta do servizo.