Un centenar de nenas e nenos de entre 10 e 14 anos dos concellos de Boiro, Brión, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Lousame, Muros, Muxía, Noia, Outes, Padrón, A Pobra, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas participaron en Cabeza de Manzaneda (Ourense) na terceira expedición á neve da Campaña de Esquí 2018, organizada pola área de Deportes da Deputación da Coruña.

Durante esta fin de semana, os escolares destes concellos coruñeses tiveron a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí con monitores profesionais e participar en numerosas actividades deportivas e culturais que se organizan de xeito complementario.

O deputado responsable de Deportes da institución provincial coruñesa, José García Liñares, subliñou a “gran aceptación” coa que conta cada ano este programa, que ata mediados de marzo achegará a práctica do esquí a un total de cincocentos rapaces dos 93 concellos coruñeses.

O obxectivo é promocionar a práctica do deporte e, ao mesmo tempo, fomentar a convivencia entre os rapaces“, sinalou García Liñares, que lembrou que a próxima expedición partirá o 9 de marzo con 100 rapaces das comarcas de Compostela e o interior coruñés.