O Boletín Oficial da Provincia (BOP) ven de publicar os anuncios de licitación de infraestruturas en distintos puntos do concello por máis de 1.400.000 euros.

Practicamente a metade destínase a actuacións en distintos barrios urbanos, en concreto a instalación dunha cuberta e a reorganización dos xogos no Parque do Anllóns, a mellora da accesibilidade nas beirarrúas e dos servizos da rúa Laracha e a reurbanización de varias rúas na zona de Pedra Furada.

Outra partida moi importante, de 614.481 euros, ten como finalidade a mellora das redes de saneamento e abastecemento de auga e a instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira que permitirá, por exemplo, evitar a entrada de toalliñas húmidas.

Así mesmo, figuran case 90.000 euros para un plan de mellora de camiños municipais nas parroquias de Rus, Sofán, Goiáns, Oza e Cances. Todos eles teñen en común que soportan unha alta taxa de tráfico de vehículos agrícolas, polo cal se atopan deteriorados e precisan unha actuación que garanta a seguridade viaria e a normal circulación. Os camiños incluídos no proxecto son A Braña-Alborín (Rus), cunha lonxitude de 648 metros; tres situados na contorna do Freixal (Sofán) que suman algo máis de 700 metros; Cabans-Os Petóns (Goiáns e Oza), con 765 metros; camiño do Monte das Cadiñas (Oza), 350 metros; As Telleiras (Goiáns), 526 metros, e Cances-A Granxa (Cances), con 655 metros.

Coa actuación prevista procederase, en función das necesidades de cada un, á limpeza, roza, explanación, apertura de cunetas, construción de taxeas e pavimentación con zahorra ou rego asfáltico.