O Boletín Oficial da Provincia (BOP) ven de publicar a convocatoria do programa de limpeza de praias 2018, a través do cal a Deputación da Coruña repartirá 900.000 euros entre os municipios coruñeses costeiros.

A finalidade do programa é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia, así como da adquisición do material necesario, coma o vestiario ou o combustible.

Ademais de contribuír á mellora da imaxe das máis de 360 praias coruñesas de cara á tempada estival, a campaña de limpeza de praias axudará tamén á creación de emprego durante os meses de verán, xa que a cargo deste programa e do de contratación de socorristas en piscinas municipais contratáronse o pasado ano preto de 300 persoas.

A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2018. O importe máximo que poderá recibir cada concello solicitante a través deste programa ascende a 33.840 euros e o mínimo a 6.768 euros.

A Deputación aplicará criterios obxectivos para a baremación das solicitudes, en función da superficie total das praias existentes en cada termo municipal, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, e a poboación oficial do concello, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto do 3 ao 23 de marzo.