José Muiño Domínguez recibe unha chuvia de críticas logo de participar esta semana nunha reunión celebrada en Carballo para estudar a adhesión da Comarca de Bergantiños á Reserva da Biofera das Mariñas Coruñesas e a posta en valor do río Anllóns.

As asociacións Petón do Lobo, Salvemos Cabana, Cova Crea e Ouriol de Anllóns valoran como “unha nova mostra de oportunismo político e unha completa tomadura de pelo” que “o maior impulsor do frustrado proxecto mineiro de Corcoesto” e “un dos defensores do proxecto eólico Mouriños de Gas Natural Fenosa” na Serra do Gontón poida falar agora de termos como “posta en valor”, “conservación” ou “reserva” o que para os colectivos, “non deixa de ser algo máis que unha broma de mal gusto ante a realidade que desenvolveu estes anos á fronte do Concello de Cabana de Bergantiños”, recibindo duras críticas e sembrando inimizades coa veciñanza.

Protesta contra a mina de ouro de Corcoesto
Protesta contra a mina de ouro de Corcoesto / Salvemos Cabana

Para os grupos, José Muiño Domínguez converteuse, de feito, “no alcalde máis contestado da historia recente de Galicia, e para moitos será unicamente lembrado pola súa actitude de imposición permanente e de condescendencia cos grandes intereses empresariais, apostando por un modelo de desenvolvemento totalmente insostible para un dos concellos con maiores valores ambientais de todo o territorio galego”.

Crítica a José Muiño na tractorada contra a mina de Corcoesto
Crítica ao alcalde José Muiño na tractorada contra a mina de Corcoesto / BNG

Así, Domínguez apostou sen fisuras polo proxecto de reapertura a ceo aberto da mina de ouro de Corcoesto, “que podería deixar un legado ambiental inasumible nunha contorna de elevados valores paisaxísticos e patrimoniais” e, na mesma liña, “non puxo objección algunha a que a transnacional Gas Natural Fenosa poida levar por diante co seu proxecto eólico Mouriños unha das últimas serras virxes que aínda quedan na Costa da Morte, a do Gontón”.

Segundo sinalan as entidades “o alcalde de Cabana parece esquecer, cos seus feitos, que a protección ambiental debe prevalecer sobre a ordenación territorial e urbanística, e que o principio de cautela ou precaución debe incorporarse sempre a todas aquelas intervencións que poidan a afectar os espazos naturais”.

Nesta liña, os grupos recordan que “as súas políticas non apostan pola sustentabilidade senón pola comercialización da natureza, esquecendo que a conservación do patrimonio natural e a conservación da biodiversidade que reside nestas zonas tamén cumpre unha función social relevante pola súa estreita vinculación coa saúde pública e o benestar das persoas”.