O Grupo Parlamentar, por iniciativa dos seus deputados Antón Sánchez, Marcos Cal, Pancho Casal e Juan José Merlo levou hoxe á Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo nunha Proposición Non de Lei (PNL) o rexeitamento social ao polémico proxecto, que a xuizo da formación “utiliza de forma precipitada” a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais e demostra que a “Lei de Depredación de Galicia” é unha norma que “estaba prevista para evitar trámites de garantía medioambiental e de transparencia pública ás grandes empresas que pretenden espoliar o país”.

“Esta tramitación -sinalou En Marea na PNL- obvia a fragmentación en varios expedientes administrativos do que en realidade supón un único proyecto industrial”, un feito “sobre o que aínda debe pronunciarse a UE”, facendo referencia aos proxectos eólicos de Pena Forcada-Catasol II, en Laxe, e o de Mouriños, en Cabana de Bergantiños.

Para En Marea “esta declaración, tal como denuncian os colectivos ecoloxistas e cidadáns da comarca, foi realizada nun intre procedimental inadecuado, xa que este debería terse realizado nun momento temperán da tramitación para que a cidadanía tivese coñecemento dos elementos concretos do expediente e, polo tanto, puidese analizar, e no seu caso alegar ou contrapoñer, os argumentos achegados pola empresa e o órgano que procedeu á súa autorización “.

En Marea considera que esta actitude da Xunta “é absolutamente escurantista, ata o punto de impedir incluso acceder aos informes de impacto dos proxectos, que foron eliminados do trámite de información pública”.

De igual maneira sinalan que esta actitude “provoca indefensión á cidadanía ante a eliminación da información pública necesaria” e que os argumentos da Consellería “deberan de ser recollidos nas memorias oportunas para poder coñecer os supostos beneficios e incidencias dos proxectos nos ámbitos industriais, económicos, sociais, territoriais e incluso de emprego”.

En Marea sinala así mesmo que “todas estas actuacións foron denunciadas por varios colectivos da zona nun comunicado público” que o grupo político comparte “en todos os seus termos”, razón pola que hoxe instou á Xunta a revogar a autorización do Proxecto Pena Forcada-Catasol II na localidade de Laxe.