Petón do Lobo, Salvemos Cabana, Cova Crea e Ouriol do Anllóns consideran que as afirmacións de Alberto Núñez  Feijóo na entrega dos galardóns da primeira edición do premio “Galicia Parabens” esta semana son totalmente incongruentes coas accións que está a autorizar o seu Executivo “non só na Comarca de Bergantiños, senón en moitos outros puntos do territorio galego”.

Deste xeito, denuncian que Feijóo anima aos concellos a “embelecer” a paisaxe de Galicia, a súa paisaxe e o seu patrimonio “mentres fomenta a súa alteración ao apoiar a instalación de proxectos eólicos nas zonas de maior valor ambiental”.

Feijóo afirmou este xoves que “a protección e o embelecemento de Galicia é unha tarefa colectiva, que transcende a unha ou outra administración e que convoca a todos os representantes públicos e a todos os cidadáns“, garantindo o compromiso da Xunta “para acompañalos nese camiño”.

Para os colectivos “estas grandilocuentes afirmacións contrastan cos efectos que están a ter as súas políticas sobre a paisaxe galega, permitindo a instalación de proxectos eólicos nas zonas paisaxísticamente máis sensibles e de maior valor ambiental, e utilizando a vontade a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, que favorece os intereses das grandes eléctricas en proxectos coma o de Mouriños, en Cabana, e o Pena Forcada-Catasol II en Laxe”.

Por iso, supón un acto de cinismo falar de que “Galicia está decidida a coidar a paisaxe e protexer o seu patrimonio” e falar de plans “que permitan un desenvolvemento sustentable e racional encamiñado a preservar a riqueza natural e paisaxística”, mentres o seu executivo “segue a bloquear a activación das Directrices da Paisaxe -paralizadas desde decembro de 2016-, o que pode propiciar que os parques eólicos poidan esquivar os criterios de protección que este documento impoñerá ás empresas promotoras”.

O DESENVOLVEMENTO EÓLICO É INCOMPATIBLE CO TURISMO DE CALIDADE EN ZONAS DE ALTO VALOR PAISAXÍSTICO

Para as entidades, o plan eólico que fomentou o PP en Galicia, defendido polo Presidente a Xunta e autorizado polo Conselleiro de Industria Francisco Conde “entra en contradición coas afirmacións que tanto un como outro defenderon en comparecencias públicas e/ou sede parlamentaria”, dado que “os proxectos eólicos pretenden recalificar moitos dos lugares máis emblemáticos da paisaxe galega como solo industrial”.

Para os colectivos, dende esa perspectiva, imaxinar que o impacto de aeroxeradores que superan os 150 metros de altura en zonas de extraordinario valor natural como Laxe e Cabana pode ser “adaptado” con medidas correctoras e compensatorias de “integración” paisaxística é descoñecer a realidade e supón que o idilio “vendido” publicamente por Feijóo e o seu Executivo “non o é tanto coa paisaxe galega e os seus habitantes, senón cos intereses empresariais das grandes eléctricas”.