A entidade agradece o compromiso coa defensa do medio ambiente e da saúde pública que está a demostrar a oposición parlamentaria no seu conxunto “fronte a unha situación de incumprimento permanente das lexislación autonómica e estatal e das directivas europeas 2000/60/CE, 2006/21/CE e 2004/35/CE“.

Segundo informan, tanto En Marea como PSdG veñen de presentar sendas preguntas para a súa resposta oral no Pleno do Parlamento galego e nas Comisións 6ª e 2ª respectivamente baseadas na denuncia presentada por Aldea Viva sobre o rebordamento dunha das balsas mineiras situada na Corta de Bama e a posterior contaminación do río Brandelos.

A citada balsa é de carácter mineiro e non se trata dunha balsa de decantación de escorrentías executada como parte do proxecto de restauración ambiental “como presuntamente se quere facer ver dende a empresa que explota a concesión” -sinalan dende Aldea Viva-. Esta balsa formaba parte xa no ano 1983 da explotación mineira, polo que é de prever que os lodos contaminantes, metais pesados e outros residuos químicos procedentes da recuperación do minera se atopen nela en elevadas concentracións.

Tal como afirma o escrito presentado por En Marea citando a información aportada por Aldea Viva, esta situación é de todo incompatible coa Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), establecida “para deter o deterioro do estado das masas de auga en todo o ámbito da Unión Europea e conseguir un bo estado dos recursos hídricos”.

Doutra banda, e tal e como sinalou tamén a instancias da denuncia de Aldea Viva o Grupo Europeo GUE-NGL, esta situación tampouco é compatible coa Directiva Comunitaria 2006/21/CE, sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas que sinala que dacordo cos obxectivos da política comunitaria de medio ambiente “é necesario establecer requisitos mínimos para previr ou reducir na medida do posible calquera efecto adverso sobre o medio ambiente e a saúde humana derivado da xestión de residuos das industrias extractivas”.

Ademáis, na mesma liña, a Directiva 2004/35/CE sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais indica que “a falta de acción” sobre as paraxes contaminadas “poden acarrear un incremento da contaminación” e que “a perda de biodiversidade sea aínda maior no futuro”, polo que “a prevención e reparación” dos danos medioambientais, na medida do posible, axuda á realización dos obxectivos e principios da política de medio ambiente da UE.

Debido a isto, tanto En Marea como PSdG veñen de preguntar, ante a manifesta opacidade de organismos públicos como Augas de Galicia, qué actuacións puxo en práctica a Xunta a través dos seus distintos departamentos ante os feitos denunciados por Aldea Viva e cales serán as medidas a tomar polo Executivo para que tales feitos non se volvan a repetir.