A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Fundación Vodafone, pon en marcha preto de 40 actividades formativas en diversas localidades con aula CeMIT destinadas a introducir principalmente ás persoas maiores de 45 anos no manexo dos teléfonos móbiles “intelixentes” e das tabletas, así como nos seus diferentes usos e aplicacións.

Estas actividades, que comezarán o luns 26 de febreiro, chegarán a un mínimo de 20 aulas da Rede que ofertan máis de 600 prazas libres e gratuítas distribuídas entre os meses de marzo a novembro. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos e de tabletas para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo.

As vantaxes que ofrece o uso destes terminais tecnolóxicos para as persoas maiores son innumerables en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…), a posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…), maior relación cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…), un acceso máis rápido a información (noticias e prensa on-line…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde), en calquera lugar e a calquera hora.

As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.

As persoas interesadas na asistencia a estas iniciativas formativas poderán consultar as as datas de realización por localidades na páxina web da rede CeMIT, onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas organizadoras para resolver ás dúbidas que poidan xurdir á hora de formalizar a súa inscrición.