Como primeiro paso, esta semana constituíronse dúas mesas de traballo nas que 23 expertos de organismos relacionados co medio mariño, especialistas das tres universidades e pescadores e mariscadores analizaron o problema do lixo mariño neste espazo natural.

A iniciativa, que conta co Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e o propio Parque Nacional como promotores e na que tamén colabora a Xunta, dispón dun orzamento de 55.896,51 euros e enmárcase no chamado Programa Pleamar, unha iniciativa do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). O proxecto desenvolverase ao longo de todo o ano 2018 e incluirá distintas tipoloxías de accións co fin de recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños do parque desde a sustentabilidade.

Na primeira fase, que arrancou o xoves coa celebración da primeira das mesas de traballo na sede do parque en Vigo e continuou cunha segunda sesión o venres na Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, porase en marcha unha rede de traballo multidisciplinar que se encargará de sentar as bases dun futuro plan de acción e duns protocolos para recoller e caracterizar os residuos mariños dos fondos.

Outra das funcións desta rede de traballo multidisciplinar será a creación dun sistema de alerta temperá para rexistrar a perda ou a localización de artes de pesca e lixo nos fondos do parque. Neste sentido, o que se persegue é que os pescadores e mergulladores que realicen inmersións no entorno deste espazo natural transmitan datos de localización sobre o lixo que atopen ou as artes de pesca perdidas, de xeito que eses datos non se perdan e poidan empregarse en futuras labores de limpeza.

Entre as entidades participantes figuran o Instituto Español de Oceanografía, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Asociación Española de Basuras Mariñas, os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e as confrarías integradas nos mesmos, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, entidades do terceiro sector, concellos, voluntarios e as tres universidades galegas.

O proxecto tamén prevé accións directas de mellora dos ecosistemas, para o que se organizarán ao longo do ano limpezas de fondos e areais para protexer e recuperar a biodiversidade do parque nacional aplicando o protocolo de recollida do lixo que defina previamente a rede de traballo.

Así mesmo, deseñaranse tamén accións de comunicación e divulgación a través de xornadas informativas para dar a coñecer ao público en xeral e ao sector pesqueiro e marisqueiro unha serie de boas prácticas en materia de conservación do medio mariño, a rede de alerta temperá e os propios resultados do proxecto.