O grupo parlamentario ve necesario a elaboración dunha serie de regras para a instalación de novos parques eólicos que teñan en conta consideracións paisaxísticas, patrimoniais, medioambientais e de impacto económico.

Os deputados Francisco Casal e Antón Sánchez ofreceron este mércores unha rolda de prensa no Parlamento de Galicia para denunciar a actual situación que atravesa o sector pola normativa imposta polo Partido Popular a través da Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia.

Francisco Casal salientou que “despois do absoluto fracaso anterior da Xunta de Galicia no sector eólico” o actual Goberno da Xunta amosou unha total abandono de funcións que deixa en mans das poxas do Ministerio de Industria e nas empresas a elección dos lugares onde instalar os novos parques eólicos. “Os megavatios chegan a Galicia pero o fan de xeito desordenado e baixo decisións unicamente dos beneficios das empresas” asegurou o deputado de En Marea.

Para En Marea, a Xunta debería ter reaccionado de xeito inmediato para desenvolver unhas regras para que estas novas instalacións teñan unha repercusión real a nivel económico do país e teñan en conta a opinión de todos os axentes implicados, tanto dos colectivos sociais como da cidadanía e os propios concellos onde pretenden instalarse estes proxectos. “Se hai vontade poderíase facer de xeito moi rápido pero non se fixo e en consecuencia abre barra libre a instalación destas empresas na que unicamente elas saen beneficiadas” afirmou Francisco Casal.

Pola súa banda, Antón Sánchez, vivoceiro de En Marea no Parlamento e Secretario Xeral de Anova, asegurou que, logo da recente declaración de especial interese de 18 proxectos eólicos por parte do Consello da Xunta nos que se inclúen os polémicos parques Mouriños e Pena Forcada Catasol II en Cabana e Laxe, “esta é a primeira mostra da aplicación da Lei de depredación de Galicia no sector eólico na que os trámites redúcense á metade prexudicando de xeito grave á participación da cidadanía“. Para Sánchez, o Partido Popular beneficia a unhas poucas grandes empresas de fóra “sen ter en conta as consecuencias a nivel paisaxístico, patrimonial e medioambiental” sobre o territorio.

Sánchez apostou por un desenvolvimento eólico orientado a producir un “retorno social”, xusto ao contrario da situación actual. Ademáis, o deputado afirmou que aínda que non todos os sitios son válidos para a instalación dun proxecto eólico, “as horas de vento son o único limitante establecido a día de hoxe” e que non se están a respectar as directrices da paisaxe, que se atopan paralizadas dende o 2016.

Por estes motivos, dende En Marea reclaman unha revisión do plan sectorial eólico de Galicia unha vez se aproben as directrices da paisaxe. “Están a pasar por riba da vontade dos veciños e veciñas ao declarar de interese público os novos proxectos eólicos cando a instalación dos mesmos non está a deixar beneficios e si impactos. Róubannos recursos, territorio e provocan impactos no noso país. Estamos dunha estafa xeneralizada” concluíu Antón Sánchez.