O Concello de Carballo imparte catro accións formativas para desempregados/as subvencionadas polo Fondo Social Europeo a través da Xunta de Galicia dentro do Plan AFD 2017-18, ademais dun obradoiro de emprego no que están a participar mozos e mozas de 18 a 30 anos inscritos/as no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

As instalacións da Escola de Hostalaría, acollen un curso de Servizo de bar e cafetería de 658 horas de duración. Foi un dos últimos en poñerse en marcha, o pasado mes de febreiro. Xunto con esta acción formativa comezou tamén a de Programación de sistemas informáticos, a única de nivel 3 que se imparte en Carballo e que, polo tanto, vai destinada a alumnos/as cunha titulación mínima de bacharelato ou ciclos formativos de grado superior. Neste caso o programa abrangue un total de 608 horas.

Estas dúas accións do plan AFD viñeron a sumarse ás de Soldadura con electrodo revestido e TIG (698 horas) e Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas en baixa tensión (938 horas), que se viñan desenvolvendo desde setembro. No caso de soldadura, nestes momentos, en colaboración co obradoiro de Revalorización de espazos urbanos, están centrados na fabricación de mobiliario urbano, con deseño propio, para rúas e espazos públicos carballeses.

O obradoiro de emprego, o primeiro destas características que se imparte en Carballo, rematará o 28 de marzo, despois de seis meses de formación. Tanto os cursos AFD coma os obradoiros de emprego inclúen prácticas en empresas, módulos transversais sobre formación para a igualdade, inserción laboral, sensibilización medioambiental, creación de empresas e prevención de riscos laborais, e ademais levan aparellada a obtención dun certificado oficial de profesionalidade.