Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Cova Crea e Ouriol do Anllóns consideran que a Administración galega debe aclarar que xustifica a declaración de “especial interese” por parte da Xunta cara os proxectos eólicos de Mouriños (Cabana de Bergantiños) e Pena Forcada-Catasol II (Laxe).

De feito, as entidades veñen de iniciar a vía administrativa contra a citada declaración nos dous proxectos e anuncian que preparan accións pola vía xudicial contencioso-administrativa “fronte á imposición dos proxectos favorecida sen debate social polo rodete parlamentario do PP” coa aprobación da Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Según indican, a resolución publicada pola Xunta o pasado 6 de febreiro, a declaración de proxectos como de “especial interese” terá como efecto inmediato a tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento de autorización administrativa previa e/ou de construción, así como dos prazos na instrución do procedemento de avaliación ambiental, reducíndose á metade os prazos necesarios na tramitación do proxecto sectorial.

DEREITO Á INFORMACIÓN PÚBLICA

Por outra parte a Lei 2017, que as entidades califican de “polémica”, indica no punto 2 da Disposición Adicional Primeira que “a solicitude de declaración de interese especial destes proxectos haberá de realizarse á consellería competente en materia de enerxía, presentando unha memoria que conteña a súa especial incidencia e beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros“.

Neste punto, as asociacións consideran que esta memoria non debe de ser substraída da información pública e da audiencia ás persoas afectadas polas implicacións e consecuencias relevantes que a mesma puidese ter na esfera dos seus dereitos e intereses.

Ao respecto, é necesario fan referencia ao artigo 75 da Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, establece en relación aos actos de instrución de procedemento que “os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos feitos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución, realizaranse de oficio e a través de medios electrónicos polo órgano que tramite o procedemento, sen prexuízo do dereito dos interesados a propoñer aquelas actuacións que requiran a súa intervención ou constitúan trámites legal ou regulamentariamente establecidos“. Ademais “os actos de instrución que requiran a intervención dos interesados haberán de practicarse na forma que resulte máis convinte para eles e sexa compatible, na medida do posible, coas súas obrigas laborais ou profesionais” e, en calquera caso “o órgano instrutor adoptará as medidas necesarias para lograr o pleno respecto aos principios de contradición e de igualdade dos interesados no procedemento“.

Por tanto, consideran que no caso que afecta tanto aos proxectos eólicos de Mouriños, en Cabana, como no de Pena Forcada-Catasol II, en Laxe, o órgano instrutor debese poñer en coñecemento da cidadanía afectada a memoria presentada “que conteña a súa especial incidencia e beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros”, tal e como marca a Lei, permitindo así o respecto dos principios de igualdade e contradición no procedemento administrativo.