A Asociación Aldea Viva considera que a titular da Consellería do Mar “fai gala dun descoñecemento sen límites” e que “a falta de rigor” está a ser a norma “dende fai anos” en todo o que rodea ao proxecto mineiro.

Doutra banda, dende o colectivo insisten en que “en absoluto” pode considerarse a minería metálica a ceo aberto como unha actividade “sustentable” ou “respectuosa” co medio ambiente ao tratarse a extrativa “da industria que máis residuos xenera a nivel mundial”.

Para Aldea Viva, só en termos de irresponsabilidade política pode falarse de proceso “garantista” ou “riguroso” , polo que valoran que é un acto de “irresponsabilidade política” pedirlle tranquilidade á veciñanza “cando nas localidades limítrofes e na propia Ría de Arousa a preocupación é máxima ao estar en xogo o seu sustento”. De feito, aseguran, reabrir a mina nas condicións proxectadas é un “risco evidente” pola posibilidade de verteduras que poderían poñer en risco o río Ulla e á propia franxa de mar arousano “da que viven directa e indirectamente máis de 30.000 familias”.

Contaminación mineira
A asociación denuncia os graves efectos da contaminación derivada da anterior explotación mineira en Touro / Aldea Viva

Por iso consideran que a conselleira Rosa Quintana está a facer gala “dun descoñecemento sen límites”, e que outros representantes populares coma o deputado Moisés Blanco non están a afrontar o problema “dende un punto de vista realista”, pos “para valorar o presunto respecto por parte da industria mineira á lexislación vixente, non hai máis que darse unha volta polo paseo fluvial da capital municipal de Touro e observar o lamentable estado das augas do río Portapego, tributario do propio Ulla”.

INVESTIGACIÓN SOBRE ATALAYA MINING EN ANDALUCÍA

Aldea Viva recorda que o SEPRONA de Andalucía ten aberta dende o pasado mes de decembro unha investigación contra a principal impulsora do proxecto de Touro xunto con Explotaciones Gallegas, a chipriota Atalaya Mining, para aclarar o destino de 3.000 millóns de litros de augas ácidas que ésta almacenaba no seu proxecto de Riotinto, e que xa non están contidos na corta mineira de Cerro Colorado, pois según manifestan diversas organizacións de defensa ambiental puideron ser vertidas ao dominio público hidráulico sen ningún tipo de tratamento incumplindo así a Autorización Ambiental Unificada (AAU) concedida á mineira.

Corta mineira de Cerro Colorado
Corta mineira de Río Colorado nas minas de Riotinto (Huelva)

Nestas circunstancias o colectivo pregúntase “si a reiterada apelación á minería sostible por parte da conselleira Rosa Quintana e outros representantes públicos do seu partido” e “si o respecto á normativa vixente e á chamada á tranquilidade por parte da poboación afectada pola mina de Touro” ten algunha validez “diante dos feitos que se lle achacan á empresa impulsora do proxecto noutras zonas do Estado”.