Algúns dos seus obxectos e recordos retornaron esta semana á vila onde naceu e onde pasou os seus primeiros anos. Libros, fotografías e cartas recompiladas polo seu sobriño-neto Santiago González-Brañas convértense en patrimonio público grazas á cesión realizada ao Concello de Carballo para que vele pola súa preservación.

Todo o material viaxou desde Vigo en taxi, en sete caixas de cartón de distintos tamaños, e agora será clasificado e inventariado para darlle o mellor uso posible e poñelo ao alcance da sociedade.

VOLTA ÁS ORIXES

Como consecuencia desa relación construída ao longo de case medio século, Santiago González-Brañas quixo que o material que puido conservar ou recuperar ao longo de moitos anos volvese ás orixes do seu tío-avó. Nesas caixas de cartón atópanse, por exemplo, as cartas que Alfredo Brañas escribía a diario á súa nai, “á que idolatraba”, pero tamén correspondencia que mantiña con outros autores da época, como Manuel Murguía, libros ou fotografías. “Eu o único que fixen foi distraerme na xubilación, pero sempre cunha idea: aportar, e que no futuro, quen queira, lea e interprete se quere”, engadiu o sobriño-neto do xurista, economista, xornalista e escritor carballés.