O Grupo Parlamentario denuncia que a declaración de proxecto de especial interese a 18 parques eólicos por parte do actual Goberno galego é un recordatorio do que está por vir por todo o territorio galego “para maior gloria das eléctricas”.

Segundo indica En Marea nun comunicado esta é a primeira mostra dos efectos reais da aprobación da Lei 5/2017, de fomento de iniciativas empresariais en Galicia, na que se introduce a figura de proxectos de especial interese, o que significa na práctica que os prazos para a aprobación deste tipo de iniciativas sectoriais redúcese á metade. Deste xeito -inciden-, “o que se consegue é dar máis facilidades para as empresas e poñer máis trabas e restriccións á cidadanía á hora de defender a paisaxe, o medio ambiente, ou os recursos patrimoniais e turísticos“.

Así, fan referencia á publicación no Diario Oficial de Galicia da aprobación de 18 proxectos eólicos como proxectos de especial interese. Para o deputado Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea no Parlamento galego, “estamos ante os primeiros froitos” dunha norma “aprobada polo PP para maior gloria das eléctricas”, en referencia á que a Lei 5/2017 modifica á Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia.

OS CASOS DE CABANA DE BERGANTIÑOS E LAXE

Destes 18 parques eólicos -destacan dende En Marea-, existen varios coma os de Pena Forcada-Catasol II en Laxe ou Mouriños en Cabana “onde a veciñanza e incluso a corporación local” ten mostrado a súa oposición a estes proxectos, “xa que provocan impactos e en cambio non aportan apenas beneficios” pois, no caso do de Laxe “nin tan sequera pagará un euro de canon eólico”.

O MODELO DO ESPOLIO DO PP

Para En Marea “o modelo de sector eólico promovido polo Partido Popular é o modelo do espolio, que agasalla aos grandes investidores o territorio, o vento, e os beneficios producidos“. Así, nun sector cunha facturación que supera os 600 millóns , máis do 85 por cento do capital investido é estranxeiro entre eles as grandes eléctricas, bancos e fondos voitre” -sinalan dende a formación-.

“En cambio para o noso país só quedan as migallas” -afirma Sánchez-, pois de feito, “e como xa ten denunciado en reiteradas ocasións En Marea”, o único que busca o Goberno galego do PP con esta nova lei “é acelerar o espolio da riqueza de Galicia aínda que sexa a costa do impacto paisaxístico e ambiental”.

O vicevoceiro de en Marea considera que este modelo da que chaman “Lei de Depredación” é “o colmo do saqueo”, pois Galicia exporta 1 de cada 3 MW da produción eléctrica, “que produce en moitos casos graves impactos ambientais, pero os galegos e galegas poden rematar pagando máis cara a electricidade por esa produción”.

Desde o grupo parlamentario de En Marea deixan clara a súa aposta polas enerxías renovables pero sempre que estén acompañadas “dun modelo de desenvolvemento que beneficie á xente do país e non só a unhas poucas empresas”. Por este motivo, amosan a súa total oposición ao modelo impulsado polo Partido Popular a través da Lei de Fomento de Iniciativas Empresarias, “baseado na concentración da riqueza produtiva do eólico nuns poucos e do emprego da figura de utilidade pública para implantar proxectos de negocios privados moi lucrativos, pasando por riba da xente”.

O señor Feijóo tivo tempo e posibilidades para virar cara un modelo máis social e ambientalmente máis sostible, pero opta por non utilizar o vento para crear riqueza no país, para dinamizar o rural ou para complementar as rendas das persoas do rural con outro tipo de actividades, apostando por seguir propiciando o espolio do país” -conclúe o deputado Antón Sánchez-.