O Goberno autonómico do PP ven de derogar a Orde do 10 de decembro de 1984, pola que se consideraba especie de importancia ecolóxica ao Ilex aquifolium, L. e na que se recoñecía “a súa utilidade para a fauna silvestre”.

Para a Sociedade Galega de Historia Natural, “esta sorprendente decisión” non foi informada polos órganos consultivos como sería preceptivo, tanto no caso do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, coma no Observatorio Galego da Biodiversidade.

Ademáis, según denuncian, a Consellería de Medio Ambiente, a partir do acontecido, “ignora que as formacións de acivro son un hábitat de interese na UE” co código 9830 (Bosques de Iles aquifolium) e que segundo o manual “Bases ecológicas preliminares para la conservación de los tipos de hábitat de interés comunitario en España” (Arrieta, 2009), “ten sufrido unha diminución dun 10% da súa superficie de distribución e ocupación nas últimas décadas, polo que se considera que a superficie ocupada dentro da área de distribución é inaxeitada”.

Doutra banda, a SGHN insiste en que esta actuación “non está apoiada por ningún tipo de argumento ou informe científico sobre o estado da conservación da especie e as consecuencias que a súa desprotección terá para outras especies protexidas, nomeadamente animais que se acubillan baixo eles no inverno e consumen os seus froitos”.

Por iso, e “á vista deste despropósito”, o vogal da SGHN no Observatorio Galego da Biodiversidade solicitará na vindeira xuntanza deste comité consultivo que se avalíe a inclusión do acivro como especie vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.