A autoridade municipal poñerá a disposición da veciñanza un sistema de recollida selectiva en diferentes localizacións estratéxicas da Laracha, Paiosaco e Caión.

Aínda que actualmente este servizo vense prestando en edificios de titularidade municipal, cos novos equipamentos ofrecerase á cidadanía un sistema de proximidade, máis cómodo en sen horarios prefixados co obxectivo de favorecer a reciclase de prendas, téxtiles e calzado, que deberán ir introducidos en bolsas de plástico.

Nunha primeira fase serán instalados tres colectores no casco urbano da Laracha (rúa Arxentina, Avenida Fisterra xunto ao edificio de usos administrativos e rúa Rosalía de Castro fronte ao complexo da piscina municipal da Laracha), dous Paiosaco (no campo da feira e na rúa Porta Santa, xunto ao centro sociocultural) e un en Caión (A Ínsua).