A Xunta de Goberno da entidade rexeita a monitorización do correo electrónico e do acceso á Internet dos e das profesionais da Radiotelevisión Española e a Radiotelevisión de Galicia, e reclama a súa retirada por atentaren contra a privacidade, a pluralidade informativa, a protección das fontes e o segredo profesional.

Con data 31 de xaneiro o Consello de Administración da Radiotelevisión Española aprobou unha “Norma sobre uso seguro dos sistemas de información”, que consiste nun regulamento de nove puntos sobre o uso dos dispositivos electrónicos na corporación, presuntamente xustificada na necesidade de “protexer ao máximo os arquivos e servizos informáticos da RTVE”. O oitavo destes puntos provocou as queixas de numerosos profesionais e colectivos, ao estabelecer que “A dirección […] poderá controlar se se fai un uso correcto e responsable dos devanditos medios e recursos incluíndo a supervisión do uso do correo electrónico e o acceso á internet durante a xornada de traballo”.

Independentemente de que a propia dirección decidira adiar a entrada en vigor do regulamento – a causa das protestas dos traballadores – e maila que este tipo de controis estean cada vez  máis cuestionados a raíz do coñecido como “caso Barbulescu”, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas quere expresar o seu rexeitamento rotundo a este tipo de medidas que vulneran a privacidade dos profesionais e a pluralidade dos medios públicos, e que poderían provocar novas pulsións de control sobre as redaccións. Pero ademais, o monitorizado do correo e do acceso á internet son contrarios á propia esencia do xornalismo e cercenan piares básicos da profesión como a protección das fontes ou o segredo profesional.

Neste sentido, cómpre lembrar tamén que a Compañía da Radiotelevisión de Galicia quixo impulsar en 2014 unha normativa semellante, á que por suposto tamén se opón o Colexio de Xornalistas, mais que pode servir na práctica para exemplificar o escaso percorrido destas medidas.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas reclama a retirada da proposta de monitorización dos dispositivos e os correos, tanto na Radiotelevisión Española como na Radiotelevisión de Galicia, por consideralas contrarias a dereito. A privacidade dos xornalistas, a protección das fontes ou o segredo profesional son alicerces dunha información libre que deben estar por riba dos intereses de control das direccións, con maior razón aínda nos medios públicos.