A Asociación Salvemos Cabana rexeita as promesas “vendidas” dende o actual Goberno da Xunta e considera que a nova norma, “aprobada pola vía do rolete parlamentario do PP”, non contribuirá a fomentar un sector eólico más eficiente e sustentable, senón únicamente “a maximizar as contas de resultados das grandes corporacións do sector enerxético”.

Para a entidade, a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, “abre un novo e negativo escenario ao simplificar de maneira notable a tramitación dos proxectos eólicos e reducir de maneira significativa os prazos de información pública, dificultando ademáis o debate social que sería pertinente sobre a súa conveniencia ou non para as comunidades”.

Salvemos Cabana pon como exemplo o novo plan eólico desenvolvido na Costa da Morte, con proxectos coma o Pena Forcada-Catasol II de Laxe, xa autorizado e en fase de recurso e o Mouriños en Cabana, aínda en fase de tramitación e que esta semana a Xunta declarou de especial interese xunto coa súa liña de evacuación eléctrica, o que terá como efecto a tramitación prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento da autorización administrativa previa e de construción, así como dos prazos no proceso de tramitación ambiental e sectorial. En ambos os casos, para Salvemos Cabana, “proxectos tremendamente lesivos a nivel ambiental e que contan cun maioritario rexeitamento social nas localidades afectadas de Laxe e Cabana de Bergantiños”.

A asociación lembra que no texto da nova Lei “figuran afirmacións contrapostas e sen sentido”, pois ao mesmo tempo que se fala de “garantir” a “sustentabilidade ambiental” do sector eólico e protexer ao medio natural cun “escrupuloso respecto da Rede Natura”, a realidade é que “dende a actual Administración autonómica están a autorizarse ás grandes eléctricas repotenciacións de parques eólicos situados dentro das zonas protexidas a nivel europeo sen maiores obxeccións”.

A LEI DE FOMENTO EMPRESARIAL IMPOSTA POLO PP PODERÍA INCUMPRIR A DIRECTIVA EUROPEA 2014/52/UE

Por outra banda, sinala Salvemos Cabana, a Lei de fomento empresarial podería non terse aprobado conforme ao ordenamento xurídico europeo ao non haber trasposto aínda o Goberno Español a Directiva 2014/52/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de abril de 2014, pola que se modifica a Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente.

O prazo para esta acción, que finalizaba o 16 de maio pasado, determina que a Unión Europea pode levar ao Estado español ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, e que a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, aprobada en outubro de 2017, “estaría nun limbo xurídico que podería botala abaixo”, pois o cambio de normativa europea tamén é de obrigado cumprimento para os gobernos rexionais.