Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 00,00 horas do día 7 de febreiro, agárdase mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros no oeste e noroeste da Coruña. No litoral de Pontevedra e Lugo estará activa a alerta amarela.

Recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

ALERTA AMARELA POR NEVE E TEMPERATURAS MÍNIMAS

Desde este martes está activa a alerta amarela por neve na Mariña e centro de Lugo, que mañá se manterá e ampliará tamén á zona da montaña. A cota de neve situarase entre os 400 e os 600 metros, con acumulacións que poden chegar aos 5 centímetros por riba dos 600 e 800 metros.

Ademais, tanto na montaña e sur de Ourense, como na montaña de Lugo, activarase durante a madrugada a alerta amarela por temperaturas mínimas na montaña e no sur de Ourense, con valores que poderán caer ata os 6 graos baixo cero.