A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, á vista do informe emitido polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se acreditan como elementos sobranceiros do acervo cultural galego polo seu significado, a súa procedencia e a xenialidade do seu autor, vén de resolver a incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural as nove esculturas do Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela, dúas das cales, aquelas que representan aos profetas Abraham e Isaac, pertencen na actualidade á familia Franco e atópanse nun procedimento xudicial iniciado polo Concello de Santiago de Compostela para recuperalas como ben público.

Segundo informan fontes da Xunta, “os devanditos elementos acreditan o valor suficiente para ser declarados bens de interese cultural“. Como a súa orixe é diversa, a proposta consistirá en declaralas de xeito individual e non como colección.

Tras a publicación da resolución, ábrese un período de información pública dun mes, contando desde o día seguinte ao da publicación da mesma no Diario Oficial de Galicia, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e presentar alegacións. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses, contados a partir da data da resolución. Toda a información relativa á mesma pode consultarse na seguinte ligazón.